" Un mundo de palabras " reúne máis rastros de Agustín Fernández Paz, dándolle así continuidade ao proxecto concibido polo autor e cuxo primeiro froito foi O rastro que deixamos (2012). Os diferentes textos aquí escolmados presentan unha dupla perspectiva arredor do acto de ler e do amor pola literatura.
Dende unha mirada subxectiva, atoparemos neles a memoria do lector que foi ao longo da súa vida, a partir do momento en que, da man do seu pai, responsable do contaxio do pracer da lectura, entrou nun mundo que decontado o fascinou. Mais tamén accederemos ás reflexións de signo máis teórico que responden á visión e ao intenso labor do experimentado docente. Nelas afonda, entre outros aspectos, no concepto de lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento e na súa importancia para construír unha sociedade moderna, xusta e máis libre. Convencido de que as aulas son un espazo privilexiado para a transmisión do virus da lectura e para a súa promoción, incide no decisivo papel dos docentes e na necesidade de renovar e reinventar as estratexias de animación, achegando as súas propias propostas.
Estes textos permítennos gozar unha vez máis da voz de Agustín Fernández Paz en primeira persoa, da lucidez e coherencia que demostrou en toda a súa traxectoria pública, das súas mensaxes cargadas de optimismo e esperanza nun futuro mellor. Dende o respecto e a admiración, estas páxinas pretenden dar a coñecer o valioso legado dun lector e dun creador inesquecible.