Pegadas da industrialización en Galicia: a Enseada de San Simón propón un percorrido sintético pola industria de Galicia, marco de referencia para o posterior recoñecemento daquelas industrias que foron configurando a actividade económica no fondo da ría de Vigo. Esta paisaxe industrial así bosquexada, acaba centrándose en Conservas Sueiro, cuxo relato pequeneiro e o seu gran legado patrimonial foron a orixe desta publicación. O cadro resultante quere suscitar unha reflexión sobre a importancia daqueles obxectos cos que se construíu a pequena historia de quen foi sen dúbida sustento da historia mesma, obxectos e circunstancias que axudan á intelixibilidade dun tempo e un lugar, e cuxa supervivencia é sustancia nutricia da memoria individual e mesmo colectiva.
Autor: Lara Coira, Manuel
Lara Coira, Manuel
Manuel Lara Coira naceu no outono de 1950 en Ferrol (entón El Ferrol del Caudillo), provincia de La Coruña (agora A Coruña). É Doutor Enxeñeiro Industrial pola Universidade da Coruña. Harmoniza o seu traballo como enxeñeiro coa docencia e co coleccionar de coñecementos inútiles, porque aínda cre que serve para algo “o saber se o Himalaya é navegable”. Atraído pola historia industrial, participou no verán do ano 2008 na creación de “Buxa, Asociación do Patrimonio Industrial de Galicia”.