O autor da "Nosa Cinza" achega esta novela baseada na emigración dos anos 60.
O venres 22 de novembro ás 19h virá a presentar á Central Librera, rúa Dolores, Xavier Alcalá o seu último libro, “A capital do Mundo”, publicado por Galaxia. O autor da“A nosa cinza”, que foi tamén levado á novela gráfica, nesta ocasión estará acompañado por Julia Díaz del Club de Prensa. Sinopse: 1957. Un adulterio ferinte, un amor tolo, imposible, impulsan a unha rapaza coruñesa a emigrar. Nova York, A capital do mundo, sempre atraera a Nieves Ocampo e cara alá marcha cunha parada previa na Habana. Ese alto na ruta, inicialmente curto, devirá en peripecia vital nunha viaxe por un mundo inimaxinable ata ese momento da Historia. A emigración é tema principal na obra de Xavier Alcalá. Tras relatar vivencias propias en "La Habana flash", entrou a fondo na Revolución de Cuba con "Verde oliva" dando voz á “axente Mariana”, galega loitadora pola liberdade. Con "A capital do mundo" retorna á escena revolucionaria, onde Nieves recolle, ao seu xeito, o testemuño de Mariana. É a primeira parte de Mayimbes —os irmáns Castro e as elites do réxime—, entre os que sobrevive a protagonista. Xavier Alcala (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de telecomunicacións, ademais de colaborar na prensa, actualmente cunha columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), obra á que ían seguir títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura, novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998. Tamén é autor da triloxía “Evanxélica memoria”, en que se relata a epopea das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012, publicou a novela Verde oliva, sobre a revolución castrista en Cuba, e The Making of (2018), o retrato dun sobrevivente, onde se descobre a aventura oculta da emigración galega na Arxentina.