Son do Fol, método infantil de iniciación á gaita
Reproducimos a información da Asociación de Gaiteiros Galegos das presentacións da súa última publicación, "Son do Fol", o primeiro método infantil de iniciación á gaita galega que permite adiantar o ensino deste instrumento aos 6 anos en lugar dos 10, que era a idade máis habitual. A primeira delas, o vindeiro mércores en Compostela.
Xaime Estévez, autor de “Son do Fol” será o encargado de facer as presentacións do libro, que de seguro se convertirá nunha ferramenta que fará que centos de nenos e nenas se acheguen á música e a cultura tradicional galega para quedar con ela o resto das súas vidas.
O libro ofrece ao profesorado unha ferramenta que ata agora non existía para achegar aos nenos non só o mundo da gaita, senón tamén da cultura tradicional. O libro é tamén un caderno de actividades e contén un CD de apoio con partituras, audicións e vídeos.
Ten un repertorio moi escollido, con cancións do folclore galego para podelas cantar, e inclúe tamén actividades, anécdotas, formas de fabricar un instrumento, datos sobre algúns dos músicos populares galegos, adiviñas, cancións e algo de linguaxe musical.