MEMORIA HISTÓRICA DO BARRIO DE CANIDO

MEMORIA HISTÓRICA DO BARRIO DE CANIDO. FESTA DOS MAIOS DE CANIDO, AS MENINAS, XOGOS TRADICIONAIS O DEPORTE NO BARRIO, AS ACTIVIDADES DO CLUB DE MONTAÑA DE FERROL, O MUSEO DA SOCIEDADE GALEG

Editorial:
EMBORA
ISBN:
978-84-17824-02-0
Disponibilidad:
En stock

22,00 €
Comprar



Como no resto das cidades, a historia de Ferrol e o seu Patrimonio Cultural debe ter en conta a evolución histórica dos seus barrios, e dar a coñecer a súa memoria popular e as tradicións dos seus veciños. A cidade leva tempo traballando, con maior ou menor acerto, na recuperación e posta en valor dos valores materiais e culturais do Ferrol da Ilustración, quizais cun certo esquecemento doutras épocas históricas e moitas veces sen contar cos barrios periféricos. Coidamos que é o momento de lembrar que o coñecido barrio ferrolán de Canido é un bo exemplo deste esquecemento e, tal como pasou noutros casos da nosa urbe, vai sufrindo co tempo a perda física e inmaterial da meirande parte dos seus sinais de identidade.

Como contraste da cidade racional e ilustrada de Ferrol, formada no século XVIII arredor do Arsenal Militar, coa creación dos novos barrios da Magdalena, burgués e funcionario, e Esteiro, obreiro e traballador, artellados co antigo de Ferrol Vello, mariñeiro e pescador, mediante unha fermosa e funcional Alameda, o barrio de Canido, o barrio alto da cidade, formouse de xeito paseniño desde época medieval como unha continuación natural de Ferrol Vello, nos seus comezos levantando unhas casiñas espalladas ao longo dun antigo camiño que subía desde a capela de San Roque contra o outeiro de Canido, baixando logo pola ladeira de poñente, pasando pola Fonte de Insua, cara á enseada da Malata.

Despois de publicar senllos libros sobre a memoria histórica dos barrios de Ferrol Vello, Esteiro e A Magdalena, cunha nova publicación a editorial Embora pretende que o Patrimonio Histórico de Canido quede reflectido nunha visión multidisciplinar de vinte catro estudosos e estudosas que colaboran na obra. O libro, prologado polo alcalde de Ferrol, ten ilustradas as súas capas con acuarelas de Manuel Carballeira, ademais de incorporar unha fermosa serie de gravados de Julio Ferrín que amosan os lugares máis salientables do barrio

No libro colaboran o recordado Álvaro Porto Dapena, Carlos Alonso, Antón Cortizas, Carmen Cuesta, Germán Castro, Jorge Deza, Justino Fernández, Eduardo Hermida, María José Leira, Alberto Lens, José M. López Dafonte, Bernardo Máiz, Xan Ramírez, Juan A. e Blanca Rodríguez-Villasante, Celsa Sabín Montero, Margarita Sánchez, Xan Silvar, Xosé Manuel Suárez, Eliseo Zaera e o Foro de Amigos de Ferrol, ademais dos coordinadores da obra, Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa,

Deste xeito o libro incorpora unha serie de traballos, en galego e castelán, sobre a historia e o urbanismo de barrio, a etimoloxía do seu nome, as antigas murallas, o vello cemiterio e a súa capela, o Hospital de Caridade e as escolas de beneficencia do barrio, o edificio da Domus Eclessiae e a súa historia, o Parque Municipal Raíña Sofía, o Cristo da Tahona e o cruceiro da praza, o chamado Chalé de Canido, o Corral de Chapón, a Casa do Pobre e e as construcións singulares do barrio.

Na publicación aparecen tamén outros traballos sobre a tradicional Festa dos Maios de Canido, a celebración das Meninas, os xogos tradicionais e o deporte no barrio, as actividades do Club de Montaña de Ferrol, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, a Agrupación folclórica Donas e Galáns, o Instituto coñecido como a Filial, e a actividade industrial en Canido, rematando cunha escolma literaria e poética sobre o barrio.

Desta maneira a editorial Embora continúa o seu traballo de mostrar o rico Patrimonio Histórico dos barrios da cidade, desta rolda o barrio de Canido. Agora e o momento dos políticos, dos urbanistas e dos xestores, que teñen que actuar sobre o seu Patrimonio Material. Rehabilitar, restaurar e mesmo remodelar o barrio, as súas rúas, as súas vivendas e as súas construcións emblemáticas. Tamén é o momento de que as entidades culturais e veciñais sacudan a súa modorra e dean a coñecer e poñan en valor este Patrimonio Histórico..

Otros libros del autor