A publicación das Cartas persas, en 1721, en Amsterdam, de
forma anónima, confírelle ao autor unha celebridade instantánea
que lle abre as portas dos principais salóns literarios
da capital e, posteriormente, a súa admisión na Académie
Française.
As Cartas persas son a obra dun moralista, unha novela
epistolar en que a mirada exótica de dous persas que viaxan
por Francia, Usbek e Rica, lle serve de pretexto ao autor para
describir, criticar e opinar sobre a sociedade do seu tempo e
nelas atopamos unha divertida sátira dos costumes da época.
A súa orixinalidade radica, en gran parte, en que ao longo da
obra aparece unha novela, cunha intriga que ten un desenlace
sorprendente e que mantén esperta a atención do lector.
Neste libro reflíctense os principais trazos do pensamento
de Montesquieu: tolerancia relixiosa, crítica dos réximes
opresores, aspiración á liberdade e á felicidade e amor pola
verdade e a razón.