A vinganza dos homes bos é un libro sobre o paso do tempo e o exilio dos anos. Sobre a culpa, que medra como carriza, desfacendo a pedra máis forte. Sobre o valor necesario para ser covarde. Sobre as palabras que son capaces de rachar as armaduras máis feroces. E tamén sobre as palabras capaces, mesmo, de matar. Palabras sinxelas, como, por exemplo, «perdón». O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un home, unha vez.
Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención.
O barco American Star, a Marcha Verde sobre o Sáhara Occidental ou os túneles agochados baixo a cidade de Vigo son os escenarios dun naufraxio, real e metafórico, que supón, en certo xeito, o final de Carlos Manso.