Manuel é un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha residencia. O martes de Entroido, bota en falta as orellas que lle preparaba a avoa e decide facer el unhas poucas. Como quere seguir a receita exacta da avoa, emprega a súa botella chea de lentellas para estiralas, que acaba escachando e estrando de legumes o chan.
Antes de deixarlle comer as orellas, a avoa sempre lle contaba as historias que esas orellas escoitaran. Agora que ela non está, será Manuel o encargado de imaxinar os relatos que escoitaron os doces que el mesmo preparou: sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas. A través deses relatos, que unen tres xeracións dunha mesma familia, o neno protagonista aprende a asumir a ausencia da avoa, a comprender a súa realidade social e familiar, e a sentirse un pouco máis unido ao pai.