Sabíamos de Xosé Iglesias Lamela que publicara un libro, intitulado Transfusión oceánica, alá polo 2014. Libro dun vigor excelente, prologado por Xurxo Souto, presentador que dicía cousas como que “Xosé non describe o mar. Ao revés. É o océano quen o conforma, quen define con foulas a silueta do seu ser”. Ao lonxe o eco dos grandes poetas do mar, desde Manuel Antonio a Bernardino Graña. Desde Mendiño a Afonso X, o autor daquel marabilloso poema do alacrán onde pedía ir “pola mariña, vendendo aceite e fariña”, nunha das páxinas máis gratas que ten dado este noso idioma fecundo.
Mais restrinxir a actividade de Xosé I. Lamela a este primeiro rexistro que nos deparou a súa voz, acaso sexa excesivo, porque resulta evidente, logo de frecuentar por un tempo as súas páxinas, que hai voz para moitas outras cousas, experiencias, perspectivas da existencia.
No seu novo libro, recentemente editado e que resultou gañador do IX Certame de Poesia Victoriano Taibo, A Relixión do Mar, volvemos encontrar unha prolongación do xa cantado no seu primeiro volume, agora, se cadra, cun sesgo máis antropolóxico e menos debedor do intenso eco manuelantoniano que reververaba en moitos dos seus poemas iniciais.
Hai unha épica do mar que nos tralada ao Pondal d’Os Eoas, poeta que converteu a construción da epopea na construción do mar e a evocación de un e outro nunha mesma cousa. Navegamos, desde aquela polos mares da linguaxe, por máis que outros, como X. I. Lamela, tamén o fagan polos mares empíricos e tanxibles. Daquel primeiro libro quedounos un modelo de poesía singular, que nos devolve a unha tradición oral, non porque o poema na teña o seu nacemento na escrita, senón porque o seu canto incítanos á verbalidade, a erguermos a voz por enriba das páxinas do libro, e lermos cos oídos, porque esta é unha poesía que se reclama auditiva, como se os ecos dos ventos e das tormentas estivesen na súa mesma raíz e unha lectura simplemente visual e mental nos furtara unha parte importante do seu destino e o seu proxecto de vontade.
Mais, alén de todo isto, a voz de Xosé Iglesias Lamela é unha voz que se reclama herdeira dunha tradición que, na miña opinión, non é outra que a imaxinista e, tamén, a creacionista. A metáfora múltiple e a primacía da imaxe semellan ser obxectivos recorrentes. E no conxunto, logo da suma de poemas e poemas, encontrámonos cun pouso épico, como se, despois de todo, fose a xente do mar a que estivese nestes poemas a encontrar o seu voceiro.
Hai de fondo un intenso amor que ten que ver coa terra, coa xente, coa linguaxe, e que agora vibra aquí con máis presenza e intensidade. O libro, articulado en sete intensos ciclos, Rituais, Construír un deus (Estaleiro), Meridiano da Noite, Mar Antigo, Velas Mística, Forza 9-10 e, finalmente, Estrela Polar, é un exercicio prolongado de eu lírico, negado de partida a outras posibilidades enunciativas. Un eu que se proclama constructor do mundo desde o seu pacto coa linguaxe. Un eu, en definitiva, nas antípodas da poslírica actual tan frecuente, de eus desuctructurados e anémicos, como se o contacto co mar lle devolvese a enerxía necesaria para volver cantar, mesmo ao xeito dos vellos tempos, nun exercicio que alguén podería considerar epigonal, mais que, tamén, podemos ler como un repunte dun eu, en último caso, imprescindible, malia todos os disfraces, os espectros, os ecos e os reflexos.
Un poeta a termos moi en conta nos tempos vindeiros.
O ximnasio de Academo